O deputado do Grupo Parlamentario Popular Roberto Rodríguez esixiulle hoxe ao Goberno de España a cesión gratuíta e definitiva de todas as vivendas da SAREB situadas na comunidade autónoma para destinalas ao alugueiro social e contribuír, deste xeito, a dar resposta á necesidade de incrementar a oferta de vivenda a prezo accesible.
“Galicia quere a cesión gratuíta das 2.342 vivendas propiedade da Sareb para incorporalas ao parque público, cualificalas de xeito permanente e adxudicalas entre os inscritos no Rexistro Único de Demandantes”, sinalou o parlamentario popular. A continuación recordou que, ante a negativa do Goberno central, a Xunta mercou 62 vivendas por preto de 6 millóns de euros “O patrimonio inmobiliario da Sareb foi financiado con recursos públicos e debe poñerse a disposición das Comunidades autónomas que así o soliciten de maneira gratuíta e definitiva”, insistiu.
Tal e como explicou, o problema da vivenda en España é a falta de oferta asequible en compra e en alugueiro. Neste senso, referiuse a que, segundo os principais informes económicos e do sector –entre eles o Banco de España-, estímase un déficit de entre 750.000 e un millón de vivendas en 2028 senón se acelera o ritmo de construción para cubrir a demanda e a creación de novos fogares.
Cualificou de “nefasto” o efecto das políticas do Goberno de Pedro Sánchez no mercado do alugueiro e de compra e afeou a iniciativa estatal Casa47 que, tal e como indicou, non cualifica as vivendas como protexidas e adxudica os inmobles a prezos superiores aos de mercado. Neste senso, pediu “un cambio total” na política de vivenda estatal, deixando atrás “un modelo de intervención fragmentado” para avanzar cara a unha auténtica política de Estado baseada na “coordinación, cooperación e planificación conxunta coas Comunidades”.
A HIPOCRISÍA DO PSOE E A COMPLICIDADE DO BNG
Roberto Rodríguez afeou a hipocrisía do PSOE de Pedro Sánchez que, ao tempo que axita a bandeira do dereito á vivenda logo de convertela no problema número un dos españois, a súa voceira nacional, Montse Mínguez, “viuse obrigada a dimitir ao descubrirse que a súa parella manexa un holding con máis de 6 M€ en inmobles, que posúe 30 pisos e que desafiuzou a inquilinos”. Así mesmo, criticou que adxudiquen un macrocontrato por máis de 52 M€ para a xestión de miles de activos inmobiliarios. “Estamos fartos da súa presunta superioridade moral low cost”, denunciou Rodríguez, quen ironizou con que PSOE, en oito anos, só foi quen de ofrecerlle unha solución habitacional a tres persoas: “A Jéssica, a David Sánchez e a Iván Redondo”.
Para rematar, acusou a nacionalistas e socialistas galegos por ser “cómplices de todos e cada un dos aldraxes de Sánchez a Galicia”. Así, recordou o seu “apoio incondicional” ao bloqueo do traspaso de competencias, á situación ferroviaria con continuas incidencias, á débeda de dependencia, aos recortes aos menores migrantes, á paralización da eólica mariña, ao bloqueo aos fondos europeos, á discriminación no financiamento autonómico e ás cero vivendas cedidas de balde pola Sareb.