Santiago, 2 de febreiro de 2016.- O deputado do Grupo Popular Ángel Camino vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se insta ao Goberno galego a poñer en marcha un programa de actuacións progresivas para a mellora das estradas lucenses.
Máis en concreto, o deputado popular empraza á Xunta a acometer as obras necesarias para o reforzo dos firmes de todas aquelas estradas pertencentes ás redes primaria e tamén secundaria de titularidade autonómica.
1.500 QUILÓMETROS DE ESTRADAS AUTONÓMICAS
Camino lembra que a Xunta de Galicia é titular de aproximadamente 1.500 quilómetros na provincia lucense desde que se completou a transferencia destes viarios en aplicación do Decreto Decreto 3317/1982.
O deputado popular recoñece o compromiso notorio que durante estes case 35 anos fixo o Goberno galego para levar adiante melloras no firme e na capa de rodadura de moitas destas estradas, ao tempo que subliña as obras impulsadas durante este período que implicaron sensibles modificacións no trazado doutras. “Non obstante cómpre seguir traballando para estender estas melloras ao resto da rede autonómica de estradas”, sinala.
ESFORZO ORZAMENTARIO
A través desta iniciativa parlamentaria, o Grupo Popular solicita que se faga un novo esforzo orzamentario que permita atallar o deterioro destas estradas lucenses e, consecuentemente, a fortaleza, seguridade viaria e a comodidade dos usuarios.
“Isto, aínda tendo contrastado a certeza, como xa se dixo, do esforzo feito pola administración autonómica para resolver o problema do que hoxe tratamos, e sendo para nós tamén notoria a preocupación da Axencia Galega de Infraestruturas por atender esta cuestión”, conclúe Camino.