O Parlamento de Galicia vén de aprobar, por unanimidade, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se insta ao Goberno galego a estudar a implantación no Centro de Saúde de Cangas do modelo de atención extrahospitalaria para pacientes oncohematolóxicos. O obxectivo é que se permita a administración no propio centro sanitario daqueles tratamentos que poidan realizarse con total seguridade fóra do ámbito hospitalario.
“Trátase de aproveitar os recursos sanitarios con intelixencia, reservando a atención hospitalaria para aquilo que realmente a necesita, achegando os tratamentos ao territorio cando existen garantías clínicas e organizativas para facelo”, apuntou a deputada popular Dolores Hermelo. Neste senso, defendeu que a mellora da atención sanitaria pasa por achegar os servizos aos pacientes e buscar novas fórmulas asistenciais que permitan ofrecer unha atención máis próxima e máis adaptada ás necesidades de cada persoa.
Con este propósito, puxo en valor que o Sergas desenvolva novas modalidades de atención extrahospitalaria para determinados pacientes oncohematolóxicos que posibilitan que terapias que antes esixían acudir ao hospital poidan realizarse agora no domicilio do paciente ou nun centro de saúde próximo ao seu lugar de residencia.
Para elo, pediu organizar a asistencia para que o paciente reciba a atención que precisa, coa mesma esixencia de seguridade e calidade, pero máis preto da súa contorna. Así, reclamou o deseño do correspondente circuíto asistencial entre os servizos de Hematoloxía, Farmacia Hospitalaria, Enfermaría e Atención Primaria.
UN MODELO DE ÉXITO QUE EVITA DESPRAZAMENTOS
A deputada popular puxo o foco nos resultados do Programa de Atención Extrahospitalaria Integral do Paciente Oncohematolóxico na Área Sanitaria de Vigo. Unha experiencia pioneira que, desde a súa posta en marcha en 2021 coa administración de tratamento en domicilio e a súa posterior extensión aos centros de saúde en 2025 –inicialmente no Porriño e, logo, en Ponteareas, Redondela e Tomiño, beneficiou a 130 persoas. “Sobre un milleiro de asistencias menos ao Hospital de día de Hematoloxía do Álvaro Cunqueiro no último ano. Detrás de cada unha delas, hai unha persoa que pode aforrar un desprazamento”, dixo Dolores Hermelo.
A este respecto, a parlamentaria remarcou que esta medida é especialmente relevante tamén para persoas de idade avanzada ou con dificultades de mobilidade que precisan tratamentos periódicos e prolongados.
APOIO E MODERNIZACIÓN DE TODA A COMARCA
A iniciativa do Grupo Popular subliña que Cangas conta cunha importante poboación e unha demanda asistencial que require continuar avanzando na incorporación de novas prestacións e na mellora da accesibilidade.
Para os populares, a posta en marcha desta prestación en Cangas sería un novo paso na estratexia de achegar a sanidade aos cidadáns e implicaría que o municipio forme parte activa do proceso de modernización da asistencia sanitaria. Segundo afondou a portavoz local, trátase de aproveitar todos os recursos dispoñibles para que cada paciente sexa atendido no lugar máis axeitado, sempre que os criterios clínicos e de seguridade o permitan.