Santiago, 17 de marzo de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu este venres unha rolda de prensa na que avanzou a participación do presidente Alberto Núñez Feijóo nos Congresos autonómicos dos populares andaluces e madrileños, que se celebran esta mesma fin de semana.
No caso de Madrid, Tellado entende que Feijóo acode para apoiar á candidata á presidencia do partido, Cristina Cifuentes, coa que comparte “boa parte da filosofía de goberno” e subliñou coincidencias como a común aposta por unha presión fiscal reducida, os baixos índices de endebedamento das dúas autonomías ou os incentivos á actividade económica para a consolidación do crecemento.
Pola súa banda, recalcou que o presidente Feijóo poderá contrapoñer en Málaga o seu modelo de xestión co da “quintaesencia socialista”, como é o andaluz, que se caracteriza por ter a taxa de desemprego máis alta de toda España, un dos maiores índices de endebedamento e unha das maiores cargas impositivas de todas as autonomías.
Neste sentido, afeoulle aos socialistas galegos que queiran “estender o modelo andaluz a toda España”, ao dar o seu apoio a Susana Díaz. “Se o modelo do novo socialismo galego é paro, endebedamento e exprimir ao contribuínte, podemos entender a situación actual do partido”, afirmou.
En definitiva, o secretario xeral enmarca estas visitas no feito de que “Galicia pode presentar hoxe un modelo propio de Goberno que resulta interesante en outras autonomías” e en que o Partido Popular de Galicia pode presentarse como un “modelo de partido interesante a nivel autonómico, cun líder contrastado e cun xeito de facer política próximo ás necesidades dos cidadáns”. A combinación destes dous elementos é, segundo Tellado, o que provocou que o PPdeG conseguise a única maioría absoluta dunha Comunidade española nas eleccións do pasado 25 de setembro.
“O PARTIDO NON PARA”
O secretario xeral insistiu na idea de que “o partido non para”, e lembrou que tamén esta fin de semana se celebrarán os congresos locais de Porto do Son, Carral e Caldas, así como que nas próximas semanas están convocados en arredor dunha ducia de concellos como A Coruña, Negreira ou Mugardos, entre outros.
Así mesmo, sinalou que ve cada unha destas citas “como unha oportunidade de activar o partido en cada municipio, fortalecer os equipos que hoxe son goberno e comezar a construír a alternativa alá onde non o son”. “Fronte aos partidos nos que as asembleas ou as primarias son unha batalla campal que sempre acaba en purga, os nosos congresos son unha fonte de debate que supoñen a entrada de savia nova a todos os niveis”, sentenciou.