Segundo o presidente, trátase de asegurar un financiamento axeitado e sostido no tempo para que os investigadores e os grupos e redes continúen traballando e afianzando a súa posición de liderado. A convocatoria vai dirixida ás tres universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia.
Hoxe en día están a traballar na Comunidade arredor de 300 grupos de investigación con financiamento estrutural estable e outros 80 investigadores emerxentes que tamén contan con financiamento público por parte do Goberno galego. En termos de persoal, Feijóo indicou que preto de 2.500 científicos investigan en Galicia grazas ás axudas da Xunta: 830 investigadores universitarios, 1.000 investigadores de apoio contratados con cargo a proxectos de investigación, 350 investigadores predoutorais e posdoutorais financiados con contratos de investigación e outros 300 investigadores que, segundo se comprometeu, retornarán a Galicia a través do Programa Principia.