Santiago, 3 de decembro de 2019.- O Grupo Popular aprobou hoxe a toma en consideración dunha proposición de lei para remitir ao Congreso a través da que se solicita a modificación da Lei do IVE para incluír especificamente entre os produtos co tipo reducido do 10 por cento os preservativos femininos, así como incorporar entre os produtos co tipo superreducido do 4 por cento os artigos de hixiene íntima feminina.
A deputada popular Jackeline Fernández lembrou que o PPdeG “volve votar a favor dunha iniciativa sobre o tipo impositivo de IVE que grava os produtos de hixiene íntima feminina logo de que no ano 2016 xa apoiara no Pleno do Parlamento galego unha proposición non de lei onde se instaba á Xunta a negociar co Estado esta cuestión e no ano 2018 tamén se aprobara outra iniciativa na Comisión 3ª”.
NECESARIA E IMPRESCINDIBLE
“O feito de que esteamos a falar de novo deste tema ten unha connotación loxicamente e maioritariamente negativa, pois implica que a día de hoxe aínda non se conseguiu que esta demanda, tan necesaria como imprescindible para as mulleres, se convertera nunha realidade”, apuntou
Jackeline Fernández explicou que ata o ano 2002 os produtos de hixiene feminina estaban gravados a un tipo impositivo xeral do 16 por cento, “e foi un Goberno do PP o que baixou estes produtos ao tipo impositivo reducido do 7 por cento”. Porén, e como consecuencia da suba de todos os tipos impositivos por mor da crise, nos últimos anos o tipo reducido do ÏVE incrementouse desde o 7 ao 10 por cento.
Na súa intervención, Fernández subliñou que “o PPdeG xa recollía no seu programa electoral do ano 2016 esta medida, do mesmo xeito que a Xunta xa se pronunciou tamén favorable a esta iniciativa”.
Para rematar, a deputada popular considerou “positivo que todos os grupos parlamentarios esteamos de acordo e á altura das circunstancias nestes temas tan importantes para as mulleres”, que agora tramitarase en ponencia e comisión no Parlamento galego para a súa posterior remisión para o debate no Congreso.