O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, apelou a “non confiarse” cando queda unha semana para que remate a campaña electoral do 29N, porque a única maneira de lograr o “cambio necesario” para España nas urnas é “votar con forza”. Máis aínda, lembrou que Lugo foi na anterior convocatoria das Eleccións Xerais, en 2023, a provincia que brindou máis votos o Partido Popular en toda España, polo que lanzou o reto de superar ese resultado o vindeiro día 29 de novembro.
Rueda pechou así o mitin celebrado en Monforte de Lemos, no que tamén participou o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, e no que exerceu de anfitrioa a portavoz local, Katy Varela.
O presidente do PPdeG lembrou como o cara a cara do pasado xoves entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez ratificou que o candidato popular é o presidente que necesita España, despois de colocar ao candidato socialista ante o seu espello e darlle unha “lección”. Así mesmo, criticou que Sánchez pedira perdón “coa boca pequena” e cando xa é tarde para as vítimas dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Urda; para a veciñanza de Ceuta, que segue pagando os efectos da invasión desde Marrocos, e para todos os españois e españolas que tiveron que sufrir o seu Goberno durante os últimos oito anos.
Ademais da súa mala xestión -incidiu-, Sánchez preséntase ás urnas coa bagaxe daqueles dos que se rodeou neste tempo: Ábalos, Koldo, Leire Díez. Nomes que contrastan co equipo que lidera Alberto Núñez Feijóo, a quen tanto o propio líder do PPdeG como Francisco Conde coñecen á perfección despois de tantos anos xuntos no Goberno galego. Dese coñecemento nace a convicción de que non haberá un “mellor” Presidente para España.
Para que isto suceda, lembrou que a única fórmula é a de “votar, votar e votar”, elixindo a papeleta do PP, porque ningunha outra garante que os galegos e galegas aproveiten a oportunidade que ofrecen estas eleccións: deixar atrás o “sen sentido” de Sánchez e dar a benvida ao “sentidiño” de Feijóo.
FRANCISCO CONDE: “FEIJÓO É O PRESIDENTE QUE NECESITA ESPAÑA”
Pola súa banda, o cabeza de lista do Partido Popular ao Congreso pola provincia reivindicou a xestión e o traballo dos representantes populares fronte á política de Sánchez e defendeu a Alberto Núñez Feijóo como «o presidente que necesita España». Así mesmo, contrapuxo dous modelos políticos: «A política como un servizo ao noso país fronte a quen entende o poder como un fin en si mesmo».
De cara ás eleccións do 29 de novembro, chamou á mobilización para repetir e mellorar o resultado de 2023, no que o PP conseguiu tres dos catro deputados da provincia. O candidato subliñou que está en xogo o futuro das familias, dos autónomos e do medio rural, e defendeu as propostas populares en materia de vivenda, impostos, emprego, sanidade, educación e infraestruturas.
Tamén reclamou mellores comunicacións para a Ribeira Sacra e apelou a concentrar os esforzos no “cambio necesario», co fin de impulsar esta comarca e os proxectos que o Goberno «soterrou nun caixón», a pesares de seren elementos vertebradores do territorio. A este respecto, citou as autovías A-76 (Ponferrada-Monforte-Ourense) e a A-56 (Lugo-Ourense), o mantemento doutros dos viais moi empregados como é a N-120 e o impulso definitivo para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial da Humanidade.