Santiago, 17 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, que “nace para cubrir un baleiro legal existente na actualidade e permitirá impulsar o crecemento deste sector dun xeito ordenado, á vez que outorgará confianza e seguridade tanto ás instalacións como aos usuarios”, manifestou a portavoz de Turismo do Grupo Popular, Cristina Romero.
Na súa intervención, Romero salientou que coa aprobación desta lei “Galicia é a primeira comunidade autónoma en regular un aproveitamento das augas termais diferente ao terapéutico, dando resposta a unha realidade existente e a unha demanda da sociedade actual”. “Unha realidade que xurdiu nos últimos anos consistente no aproveitamento das augas termais exclusivamente con fins lúdicos e de lecer, sen que en dito aproveitamento se persiga unha actividade preventiva ou terapéutica”, apuntou.
GARANTÍAS DE CALIDADE
“En definitiva, a lei regula un aproveitamento das augas termais diferente ao terapéutico, unha situación que se está a estender na realidade e que na actualidade carece de regulación algunha e, polo tanto, carece de garantías de calidade”, sinalou.
Cristina Romero explicou que “tanto a normativa sectorial de augas como a normativa sectorial de minas determinan que as augas termais non son de dominio público, senón de utilidade pública”, ao tempo que os perímetros de protección dos acuíferos están regulados pola Lei 5/1995, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios; e pola Lei de minas. Deste xeito, aclarou que “o que regula especificamente esta nova lei é o aproveitamento lúdico das augas termais dentro do perímetro de protección dos establecementos balnearios”.