Santiago, 18 de decembro de 2019.- A deputada popular Maribel Novo Fariña incidiu hoxe no Parlamento que a modificación do estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) “non implica nin privatización, nin desmantelamento, nin redución de competencias nin cambio ou reforma das políticas ou programas desta entidade, porque unicamente se trata de cambios administrativos na estrutura interna para permitir axilidade e eficiencia na implantación das políticas e programas que continuamente se negocian cos distintos sectores”.
Maribel Novo afirmou que esta modificación faise “logo de dialogar cos colectivos do sector, deixando claro que este cambio do estatuto do Agadic non afectará nin ás políticas culturais nin aos obxectivos deste organismo”.
Na súa intervención, a deputada popular explicou que “cultura e turismo son dous ámbitos fundamentais e estratéxicos que non se poden segregar nin contrapoñer ao Xacobeo”. “Hai accións culturais con gran impacto turístico e hai accións turísticas con base cultural”, concretou.
Deste xeito, manifestou que “o importante é dispoñer de orzamento, porque a unha compañía dálle igual que a función a pague o Agadic ou o Xacobeo”. “Ao contrario que os grupos da oposición, no PPdeG pensamos que é unha gran sorte contar cun evento singular que abre as portas de Galicia ao mundo, pero vostedes téñenlle fobia a todo o relacionado co Xacobeo”, indicou.