A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende que o Partido Popular é a única opción real para o cambio en España e para o restablecemento de servizos públicos esenciais como a seguridade cidadán. “Non podemos vivir nun país con medo, con comercios e hostalería coas reixas baixadas por culpa da violencia e a incitación ao odio da esquerda”, sinalou nunha visita á Coruña, cidade na que precisamente se viviron actos violentos e vandálicos hai unhas semanas, a través de mobilizacións convocadas por partidos de esquerda.
Así o manifestou a número dous dos populares galegos durante un paseo pola cidade, acompañada polo presidente do PP da cidade e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo, e outros cargos do partido. No paseo pola cidade coñeceron de preto as necesidades da veciñanza e as consecuencias da inseguridade na que é a cidade galega con máis número de delitos. “Isto non é casual, aquí goberna Inés Rey, unha socialista como Pedro Sánchez que en oito anos fixo que a seguridade desaparecera da acción do Goberno”, sinalou Prado.
Para Prado, o BNG é “cómplice” deses oito anos de inseguridade, xa que o independentismo galego “é socio do PSOE, antepuxo os seus intereses a cambio de nada para Galicia”. Neste sentido, lembra que votar ao BNG e votar ao PSOE “é exactamente o mesmo, son o mesmo perro con distinto colar”. Así, insiste, a única forma de que haxa un cambio de Goberno é co Partido Popular que lidera Alberto Núñez Feijóo.
Destacou o modelo de xestión, rigor e responsabilidade de Feijóo como “imprescindible, máis que nunca, para poñer aos servizos públicos no lugar que merecen”.
A número dous dos populares galegos tamén se referiu a folga nacional convocada pola esquerda e os sindicatos o próximo 11 de novembro contra a oposición, lembrando que estes partidos e os seus satélites “non fixeron nada en oito anos de Goberno de Sánchez”. Para Prado, resulta “insólito” que se convoque unha folga “en contra dun partido que non goberna e non ten responsabilidades”, asunto que supón, de novo, “incitación ao odio e a violencia”, como ocorreu coas manifestacións na Coruña.
“Non podemos consentir, como vimos na Coruña, que a violencia, a inseguridade e os saqueos fagan que os comercios teñan que pechar as súas portas”, concluíu.
MIGUEL LORENZO AUMENTARÁ O NÚMERO DE POLICÍAS LOCAIS CANDO SEXA ALCALDE: “OS CORUÑESES SOFREN 28 DELITOS AO DÍA”
Pola súa banda, Miguel Lorenzo comprométese a que cando sexa Alcalde aumentará o número de policías locais, a recuperar a Policía de Barrio e a construír un novo cuartel para a policía municipal, como medidas prioritarias ante o récord de delitos na Coruña. As estatísticas oficiais, lembra, reflicten que os coruñeses sofren 28 delitos ao día.
“Segundo as estatísticas do Ministerio do Interior correspondentes ao primeiro semestre do ano, os delitos non deixan de aumentar na nosa cidade, xa se produciron un 10% máis que hai un ano e seguimos sendo a cidade de Galicia con maior número de delitos que xa superan os 5.000 e son mil máis que en Vigo”, explicou.
Para Lorenzo, Inés Rey leva anos sen facer caso ás propostas do Partido Popular para solucionar este grave problema de inseguridade. “Hai outra forma de gobernar para que os coruñeses se sintan seguros de novo, e chegará o próximo mes de maio da man do PP”, engadiu.