Santiago, 20 de novembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo do apoio do Grupo Popular, solicitar ao Goberno central traballe para acadar un consenso internacional para a reconsideración da participación de mulleres e homes deportistas en competicións deportivas organizadas por países nos que se vulneran os dereitos fundamentais da súa cidadanía, especialmente os das mulleres, eliminando así toda discriminación por razón de sexo nos países acolledores de eventos deportivos.
No debate desta proposición non de lei, o deputado do Grupo Popular Alberto Pazos afirmou que o PPdeG “defende o dereito das nosas atletas a competir en calquera país e con maior fortaleza defenderemos o seu dereito a denunciar calquera situación inxusta que se atopen, con total liberdade e co amparo e respaldo dunha das democracias máis consolidadas do mundo: a española”.
RENUNCIA A COMPETIR
Alberto Pazos manifestou que a proposición non de lei defendida polo Grupo Mixto “obrigaría aos nosos atletas, mulleres e homes, a renunciar a competir en función do país que resulte elixido como sede dun evento deportivo, ao tempo que privaría á poboación deses países dos efectos beneficiosos da denominada diplomacia deportiva”.
“Defendemos a actitude valente de Ana Peleteiro, que acudiu a competir a Doha e denunciou a discriminación das mulleres en Qatar; defendemos o dereito de Vero Boquete a denunciar que se celebre a Supercopa de fútbol de España en Arabia Saudí como un premio ao agresor; pero non defendemos a hipocrisía do Goberno de Pedro Sánchez, que critica a elección de Arabia Saudí como sede desta Supercopa de fútbol e négase a retransmitir esta competición por RTVE, pero asina un convenio coa Federación Española de Fútbol para promocionar a súa axenda internacional, incluída a celebración deste evento”, sinalou.
O deputado popular asegurou que “o PP leva moitos anos traballando conxuntamente pola igualdade real e estamos dispostos a seguir por ese camiño, pero non imos aceptar certificados de boa conduta por parte dunha esquerda que basea a súa autoproclamada superioridade moral nun permanente exercicio de desmemoria”.