Santiago, 18 de outubro de 2019.- A deputada do Grupo Popular María Antón Vilasánchez demandou hoxe no Parlamento que a Xunta limite o reparto e difusión nos centros educativos de Galicia de calquera publicación sen contido pedagóxico incluído nos currículos e, nomeadamente, aqueles que supoñan un cuestionamento das políticas de igualdade, liberdade, respecto e non discriminación.
No debate dunha proposición no de lei do Grupo Común da Esquerda sobre a difusión de propaganda da asociación Hazte Oír, María Antón sinalou que “cinguen a súa iniciativa a un caso concreto, pero desde o Grupo Popular queremos que esta proposta sirva para esta e outras situacións que poidan darse e que supoñan discriminación en calquera dos dereitos fundamentais dos nenos e nenas, en consonancia co artigo 14 da Constitución”.
“É inadmisible que este tipo de propaganda poda chegar aos centros de ensino de Galicia, porque a nosa comunidade ten demostrado o respecto e tolerancia ante a orientación sexual e identidade de xénero”, indicou.
GALICIA, PIONEIRA
María Antón salientou que “Galicia foi das primeiras comunidades autónomas en ter unha lei de LGTBI, ao mesmo tempo que fomos pioneiros en introducir no sistema educativo unha estratexia para a convivencia escolar, impulsando plans de convivencia en todos os centros, implantando plans de igualdade e prestando especial atención a cuestións derivadas de problemas de identidade de xénero”.
Así mesmo, contrapuxo a intransixencia do Grupo Común da Esquerda a consensuar unha iniciativa parlamentaria neste ámbito “coa disposición do Grupo Popular para facer o necesario e chegar a consensos no eido educativo que nos permita deseñar un ensino para as xeracións que virán na segunda metade deste século”.