31, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu que Pedro Sánchez aclare se no seu partido teñen cabida dirixentes con empresas en paraísos fiscais, facendo referencia aos graves feitos que recolle a prensa sobre Elena Espinosa, que apuntan que a ex ministra do Goberno de Zapatero e actual tenente de alcalde de Vigo segue figurando como administradora e tesoureira dunha sociedade en Panamá.
Como precisou o número dous dos populares galegos, “xa está ben de dar leccións a todo o mundo e non aplicalas a si mesmos”, engadindo que Sánchez asegurou en numerosas ocasións que non permitiría este tipo de situación na súa formación pero que, de non ser así, debe aclaralo “para que os españois saibamos a que aternos”.
“Seguimos sen recibir datos”, aseverou o secretario xeral, que manifestou que a implicada debe dar explicacións canto antes sobre a súa relación coa sociedade offshore posto que “todos sabemos que estas empresas se dedican a defraudar á Facenda pública e a defraudar no pago de impostos” e, ata o de agora, só se limitou a negar os feitos. “Antes das 12 desta noite debe dar explicacións claras ou poñer o seu cargo a disposición e renunciar a ser tenente de alcalde de Vigo”, insistiu.
Así mesmo, Tellado solicitou explicacións tamén ás persoas que manteñen a Espinosa no seu posto: o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Cómpre salientar que, segundo as informacións publicadas, Espinosa ocultou na súa declaración de bens -tanto como ministra como tenente de alcalde- que aínda dirixía esta sociedade e, ademais, desde o seu cargo como ministra deu contratos por un importe superior aos 10 millóns de euros a unha empresa filial da offshore na que aparece como administradora.