Santiago, 13 de setembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento que axilice a licitación das obras do Enlace Orbital de Santiago de Compostela, que xa foi autorizada polo Consello de Ministros o pasado 12 de abril, ao obxecto de que a posta en servizo desta infraestrutura estratéxica para Santiago poida estar operativa para o Xacobeo 2021.
A deputada popular María Antón lembrou que esta infraestrutura, que conectará directamente a AP-9 coa A-54, “é longamente demandada pola cidade compostelá no seu conxunto e que conta co acordo unánime de todas as forzas políticas, sociais e económicas”.
ORZAMENTO DO GOBERNO DO PARTIDO POPULAR
María Antón indicou que o Consello de Ministros do pasado 12 de abril, en plena campaña electoral, autorizou a licitación das obras por importe de máis de 20 millóns de euros, “autorización que foi posible gracias aos orzamentos xerais do Estado de 2018, elaborados polo Goberno do Partido Popular, nos que xa se preveu unha dotación de 8 millóns de euros para o enlace orbital”.
“Estes orzamentos, ao estar prorrogados na actualidade, están plenamente vixentes”, asegurou a deputada popular, quen lamentou que “o proxecto de orzamentos do Goberno socialista rexeitados polo Congreso non prevía investimento para o enlace orbital de Santiago en 2019 e só un millón de euros para 2020, o que na práctica supoñía o bloqueo da licitación desta infraestrutura”.