Santiago, 7 de maio de 2019.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “todos os proxectos de minería tramítanse en Galicia con rigor segundo a lexislación vixente, que ofrece todas as garantías técnicas, urbanísticas e medioambientais”.
Moisés Blanco criticou que En Marea estea “nun ataque continuo contra a industria en Galicia, especialmente o sector mineiro”. Neste sentido, reiterou que a actividade mineira “cumpre estritamente a lei vixente, aprobada en 2008 por socialistas e nacionalistas e a través da que o Goberno bipartito concedeu 100 permisos de investigación e 43 licencias de explotación”.
IMPULSO DO CRECEMENTO ECONÓMICO E SOCIAL
Así mesmo, o deputado popular lamentou que En Marea pida a derrogación da Lei de fomento de iniciativas empresariais de Galicia, “que está a impulsar o crecemento económico e social da Comunidade galega con maior simplificación administrativa, máis facilidades de acceso ao solo empresarial e máis incentivos económicos coa colaboración de 122 concellos emprendedores”.
“No ámbito mineiro, esta lei garante a posición do propietario, aportando seguridade e transparencia; e blinda a contorna natural, con garantías ambientais claras e paralizándose a tramitación ante calquera informe negativo”, sinalou.