O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, celebrou coa comunidade venezolana residente en Galicia a súa X Feira da Chinita, un encontro que se celebra tradicionalmente no Campo da Feira de Ourense e que congrega ao longo do día a milleiros de asistentes. O líder dos populares galegos aproveitou para coñecer de primeira man e felicitar aos emprendedores de diversos sectores que instalaron os seus postos nesta festa, así como para darlles a coñecer o proxecto do Partido Popular, comprometido coas demandas e necesidades da comunidade venezolana.
Acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a presidenta da Xunta Xestora do PP de Ourense e candidata á Alcaldía, Ana Méndez, percorreu os diferentes postos e desfrutou da variada gastronomía venezolana que se instalou no recinto feiral. O presidente tamén se reuniu con representantes de diversas asociacións da comunidade venezolana repartidas por toda Galicia, que se trasladaron a esta festa en Ourense para compartir unha xornada de diálogo e desfrute.