Santiago, 10 de maio de 2019.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique defendeu hoxe no Parlamento o mantemento da locomotora Sarita en Padrón pola “súa indubidable vinculación con esta vila, non só pola figura de John Trulock senón polo aprecio que a sociedade civil ten cara ela”.
Neste sentido, afirmou que “a Fundación Pública Galega Camilo José Cela conta cun proxecto para a súa restauración, para o que xa está conseguindo o financiamento necesario e que permitirá a musealización desta locomotora, a súa posta en valor e convertela nun dos atractivos fundamentais do recentemente reformado Museo Camilo José Cela en Padrón”.
Teresa Egerique sinalou, en resposta á proposición non de lei defendida por En Marea, que “quen intente desvincular a Sarita con Padrón non ten coñecemento algún da importancia social que tivo e ten esta locomotora na comarca”. Ademais, manifestou que a Fundación Camilo José Cela “mantén un contacto permanente coa Fundación de Ferrocarrís Españoles non só no que respecta á Sarita, senón tamén en todo o relativo aos múltiples fondos cedidos por esta institución estatal e que se custodian en Iria Flavia”.
“Nestes momentos, o Museo Ferrocarrileiro John Trulock é un museo único e unha testemuña fundamental da historia da construción da primeira liña ferroviaria de Galicia, levada a cabo polo avó de Camilo José Cela, e tense convertido nun reclamo máis do propio Museo Camilo José Cela, como pon de manifesto a continua reserva de grupos para visitalo”, salientou a deputada popular.