O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se demanda impulsar a formación en materia de apicultura na Escola Agraria de Alta Montaña Pena do Pico, en Becerreá, para contribuír a mellorar a produción de mel e doutros produtos derivados: “É unha cuestión de futuro para o sector, para os produtores, para os novos profesionais e para a montaña lucense”.
A deputada popular Encarna Amigo sinalou que “formar mellor aos nosos apicultores significa tamén facer máis competitivo o sector”. E subliñou que, neste eido, Becerreá xa ten experiencia previa en formación, polo que, segundo apuntou, “o que propoñemos non é crear algo alleo á realidade do centro, senón continuar avanzando sobre a liña que xa existe e que ten capacidade para medrar”.
“Na Montaña de Lugo non partimos de cero”, remarcou Encarna Amigo. Neste senso, dixo que o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá supón unha oportunidade de avanzar progresivamente na súa especialización no ámbito apícola e consolidalo como un centro de referencia nesta materia dentro da rede galega de formación agraria. É esta, pois, unha ocasión para aproveitar as fortalezas do seu territorio e desenvolver ámbitos de especialización propios: “Becerreá ten condicións, experiencia e potencial para avanzar cara a unha maior especialización apícola”.
Fixo referencia ao Certificado Profesional de Apicultura AGAN0211, de nivel 2 e pertencente á familia profesional agraria, unha formación que aborda cuestión directamente vinculadas coas actividades profesional. Asemade, o propio Plan Estratéxico da Formación Agraria en Galicia xa contempla este certificado entre as posibilidades para Becerreá. Referiuse, tamén, ao CFEA Pedro Murias de Ribadeo como un “bo exemplo” de como adaptar a oferta formativa ás características e ás oportunidades do territorio pode xerar unha resposta positiva. “Este é o criterio que debemos aplicar tamén en Becerreá, adaptándoo á súa propia realidade”, indicou Encarna Amigo.
Tal e como apuntou, a formación é fundamental para garantir o futuro do noso medio rural, mellorar a profesionalización das explotacións, favorecer a remuda xeracional e abrir novas oportunidades de emprego e actividade económica. “Formar, profesionalizar e diversificar o noso medio rural é tamén investir no seu futuro”, finalizou.