Santiago, 12 de xuño de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento, logo dunha transacción realizada co BNG, a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se reitera ao Goberno central a demanda para que inicie de maneira urxente as accións legais pertinentes para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.
Así mesmo, amósase o rexeitamento polo uso deste BIC para facer apoloxía da ditadura franquista e do ditador, ao tempo que se solicita que se leven a cabo as accións precisas para deixar sen efecto os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e Ducado de Franco.
A deputada popular María Antón Vilasánchez salientou que “a altura de miras de todos os grupos parlamentarios permitiunos chegar a un acordo porque compartimos un mesmo obxectivo: a recuperación do Pazo de Meirás para o público e rexeitar a utilización deste BIC para exaltar o réxime franquista ou o ditador”.
“Non é a primeira vez que o Grupo Popular condena publicamente, de xeito firme e rotundo, calquera utilización do Pazo de Meirás para facer apoloxía do franquismo, e seguiremos facéndoo as veces que sexa necesario, do mesmo xeito que a Xunta de Galicia, en cumprimento das súas competencias, seguirá aplicando a lexislación vixente”.