A número 2 da candidatura do PP por Madrid, Cayetana Álvarez de Toledo, protagonizou hoxe a campaña na comarca do Salnés, onde defendeu o proxecto de Alberto Núñez Feijóo e do Partido Popular como o único que pode realizar e liderar o cambio político necesario en España. A representante popular celebrou senllos actos en Sanxenxo e Vilagarcía, nos que estivo acompañada polo presidente provincial do PP, Luis López, e o polo cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña.
En primeira instancia, Álvarez de Toledo participou nun encontro no Pazo de Quintáns de Sanxenxo con representantes dos sectores sociais e económicos, no que exerceu de anfritrión o alcalde, Telmo Martín, e no que se abordaron numerosas medidas que pretende implantar o PP, como a baixada de impostos xeralizada para corrixir a “asfixiante presión fiscal” dos Gobernos de Pedro Sánchez “que impide a moitas familias chegar a final de mes” ou a garantía de que as pensións subirán todos os anos ao abeiro do IPC.
Posteriormente, a número 2 do PP pola capital de España desprazouse ata Vilagarcía de Arousa, onde mantuvo unha reunión co colectivo de venezolanos na bisbarra arousá e na que tamén participaron cidadáns chegados doutros países estranxeiros. Neste acto estivo acompañada pola voceira municipal, Ana Granja, e polo candidato vilagarcían, Juan Bayón.
Durante estes encontros, os representantes populares puxeron en valor “o pragmatismo, eficacia e idoneidade” do programa electoral do PP “para que España volva a funcionar e para que os cidadáns comecen a vivir mellor” e reclamaron un “apoio masivo” a Alberto Núñez Feijóo apelando ao “voto útil”, posto que sostiveron que “só a papeleta do PP na nosa provincia pode garantir que se produza o cambio necesario, posto que o resto de opcións políticas só favorecerán unha continuidade de Pedro Sánchez que rexeita a maioría social”.