Santiago, 15 de febreiro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou hoxe no Parlamento que “os beneficios das fusións de concellos son obvios” e a modo de exemplo sinalou que o novo concello de Oza-Cesuras incrementou os seus ingresos procedentes do Estado máis dun 14 por cento, reducindo 25.000 euros anuais os custos de representantes corporativos e un 10 por cento os gastos municipais.
Paula Prado explicou que a Xunta de Galicia, logo do acordo adoptado polo Consello do Goberno galego en 2013 concede aos concellos fusionados unha puntuación mínima do 30 por cento en todas as convocatorias de subvencións dirixidas a entidades locais pola mera presentación da solicitude, ao que se engade posteriormente que as axudas das que resulten beneficiarios serán, como mínimo, un 15 por cento superior ás contías que corresponden ás solicitudes individuais.
INCREMENTO DE RECURSOS E DESCENSO DE GASTOS
No caso concreto de Oza-Cesuras, a viceportavoz popular salientou “o importante incremento dos recursos recibidos desde a súa fusión, que chegou a un 21,7 por cento fronte ao resto dos concellos da súa comarca que, polo contrario, descenderon un 0,75 por cento, e iso a pesar de que por razóns incomprensibles Oza-Cesuras non obtivo os beneficios previstos para os procesos de fusión na Lei de racionalización e sostenibilidade da administración local”.
“Gracias ao incremento pola súa participación nos impostos do Estado, os ingresos recibidos por Oza-Cesuras en 2015 situáronse como os maiores desde o ano 2001, xa que o incremento rexistrado nos concellos semellantes nos anos 2014 e 2015 foi do 1,8 por cento fronte a máis dun 21 por cento do concello fusionado”, engadiu.
Así mesmo, Prado apuntou que o concello de Oza-Cesuras incrementou os fondos procedentes da súa participación nos ingresos do Estado máis de 118.000 euros cada ano, o que supón un aumento superior ao 14 por cento e que supuxo pasar de recibir 157 euros a 194 euros por habitante.
“A isto, engádese unha redución de 25.000 euros anuais no gasto dos seus representantes corporativos e un aforro de máis de 60.000 euros cada ano nos gastos municipais, consecuencia da aplicación de economías de escala”, sinalou.