Santiago, 20 de febreiro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, salientou hoxe no Parlamento que “gracias á área sanitaria que inclúe o distrito de Valdeorras foi posible manter os servizos de traumatoloxía e as gardas de medicina interna, coa colaboración existente entre facultativos do Complexo Hospitalario de Ourense e do propio Hospital de Valdeorras”.
Aurelio Núñez sinalou que, desde a creación das xerencias de atención integrada en 2012, no Hospital de Valdeorras puxéronse en marcha novas consultas de dixestivo, endocrinoloxía, medicina preventiva, pediatría, rehabilitación, reumatoloxía e uroloxía, que se sumaban ás existentes de neuroloxía, oncoloxía e cardioloxía.
“Ademais, desde o ano 2015 se investiron no Hospital de Valdeorras máis de 770.000 euros en novas tecnoloxías, dentro dun investimento global de 1,2 millóns de euros de investimento neste centro hospitalario”, salientou Núñez Centeno, quen engadiu que “o propio Presidente da Xunta xa ten anunciado un proxecto de reforma con novo equipamento para este hospital”.