O Parlamento de Galicia aprobou recentemente unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se insta á Xunta de Galicia a requirirlle ao Concello de Pol o cumprimento “efectivo e inmediato” das competencias que legalmente lle corresponden no CEIP Rosalía de Castro de Mosteiro. Neste senso, a deputada e portavoz do PPdeG no municipio, Nicole Grueira, referiuse á falta de mantemento, conservación, vixilancia e limpeza das instalacións.
Tal e como sinalou, “o deterioro” que presenta o centro é consecuencia directa do abandono continuado das obrigas do concello. Así, alertou de que non se trata de feitos illados, senón de carencias graves que a comunidade educativa leva tempo denunciando sen recibir resposta. Entre elas, destacou o arranxo da cancela traseira –que afecta á seguridade do recinto-, deficiencias na limpeza ordinaria e problemas de filtracións: “Falamos de persianas rotas, enchufes estragados, cables soltos, aulas que precisan pintura e canlóns sen limpar”.
Fronte a este desleixo, puxo en valor o compromiso do Goberno galego co CEIP de Pol. “A Xunta investiu en apenas dous anos máis no colexio de Pol que o concello en dezanove”, apuntou, ao lembrar o investimento de arredor de 30.000 euros na renovación de ventás da aula infantil e na mellora das instalacións da cociña.
TRES ANOS SEN SERVIZO DE CONSERXERÍA
Segundo expuxo é “especialmente preocupante” a situación do servizo de conserxería, xa que o colexio iniciou o curso 2026-2027 sen conserxe, prolongando esta carencia por terceiro ano consecutivo. Trátase, dixo, dun servizo básico para atender as necesidades cotiás do centro e colaborar no normal desenvolvemento da actividade educativa que o Concello non está a cubrir.
Grueira subliñou que o desleixo constante e a falta de resposta municipal alcanza tamén os gastos de funcionamento. Referiuse a que no ano 2021 o centro sufriu unha reclamación da subministradora eléctrica por máis de 16.000 euros en facturas pendentes que correspondían ao Concello. E criticou que o propio colexio tivese que adiantar cartos para unha desratización urxente por razóns de salubridade.
Neste sentido, a iniciativa aprobada esixe que o Concello asuma as tarefas de conservación, mantemento e vixilancia. E aseverou que non se pode pretender que sexan outras administracións, o propio centro ou as familias quen suplan de maneira permanente unhas obrigas que son estritamente municipais. Finalmente, a deputada insistiu en que a situación require unha actuación urxente porque o alumnado ten dereito a desenvolver a súa actividade nunhas instalacións seguras, dignas e adecuadamente mantidas.