Santiago, 12 de marzo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha moción a través da que se insta á Xunta a implementar e impulsar melloras nos centros de información á muller (CIM), de xeito que se garanta un servizo integral e de calidade, e se facilite a accesibilidade a estes centros a todas as mulleres, independentemente da súa localización no territorio.
A moción aprobada esta mañá demanda a consolidación da rede integral de CIM, especialmente nas zonas rurais, co obxectivo de cubrir a totalidade do territorio galego no horizonte do ano 2020; fomentar a cooperación institucional e entre os propios CIM; mellorar o funcionamento da plataforma de xestión CIM; estender o programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero ás entidades locais e ao tecido empresarial; continuar apoiando a rede autonómica de centros de información á muller, garantindo o financiamento dos recursos económicos necesarios máis aló do período actual vixente dos fondos europeos; e, por último, implementar desde o vindeiro ano a presentación no mes de xaneiro do programa e axenda anual de formación dos profesionais dos CIM.
TRES NOVOS CENTROS EN 2018
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, incidiu que “seguiremos apostando polos CIM” e lembrou que “foi un goberno do PPdeG quen os puxo en marcha en 1995 e segue sendo un goberno do PPdeG o que os segue reforzando e sumando cada día máis”. Neste sentido, concretou que no último ano abríronse tres novos centros: dous en concellos do PPdeG e un en concello gobernado polo BNG.
“Convido a que entre todos sigamos sumando CIMs á rede integral galega, pero isto non depende unicamente da Xunta, porque os concellos teñen que poñer en marcha o servizo, pedir acreditación á Administración galega e solicitar o apoio económico”, indicou.
A viceportavoz criticou que “sexan os socialistas galegos os que pidan no Parlamento o incremento e mellora dos CIM, cando foron os únicos en Galicia que pecharon, no concello de Pontecaldelas, un centro de información á muller”. “Non se pode pedir máis recursos para os CIM en Galicia e alí onde gobernan ou cogobernan renunciar aos fondos da Xunta para estes servizos”, criticou.