23, marzo, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, apuntou que Pedro Sánchez foi “un problema grande” para Galicia para España, porque supuxo unha ameaza para a súa unidade territorial e para a súa estabilidade económica.
“Foi un Goberno inimigo para o emprego”, sinalou Tellado, que recordou a situación que están atravesando moitas empresas galegas, debido á inacción do Executivo central. Empresas, destacou, como as da industria electrointensiva, da que dependen 5.000 empregos; e da automoción, que sufriu un retroceso por mor da ameaza do dieselazo; así como tamén, as centrais térmicas, o sector naval ou Ence: “En nove meses, Pedro Sánchez fíxolle moito dano á economía española e galega e iso é o que nos xogamos o próximo 28 de abril”.
Así, asegurou que, na vindeira convocatoria electoral, “o máis importante non é o número de escanos, senón que gañe Galicia e, para iso, ten que perder Pedro Sánchez”. Por iso, Tellado sostivo que o PPdeG centrará o seu discurso nos problemas da xente e en poñerlle solución e que, fronte a outras formacións nas que priman as liortas internas, as listas do PP combinarán experiencia e renovación para que o resultado sexa un equipo de persoas que traballen para defender os intereses de Galicia en Madrid.
O PP, CENTRADO EN GALICIA E EN ESPAÑA
Tal e como indicou o secretario xeral do PPdeG nunha entrevista concedida á Radio Galega, a esquerda está moi interesada en falar de Vox para darlle unha relevancia que a cidadanía galega non lle deu. Fronte a iso, os populares galegos falarán de Galicia e de España, porque, tal e como remarcou Tellado, pensando no que é mellor para os galegos e os españois, “o mellor proxecto para evitar que siga gobernando Pedro Sánchez e as súas ameazas é apoiar ao Partido Popular e a Pablo Casado”.
Fixo fincapé en que o que realmente pretende a esquerda ao falar todo o día de Vox é que non se vote ao PP e si a esta formación: “O PP non é Vox, nin tan sequera se lle parece. Somos un partido con 40 anos de historia, moderado, constitucionalista, reformista, que sabe moito de xestión e que así o acreditou nos peores momentos”. Así, incidiu en que a única forma efectiva e real para que non goberne Pedro Sánchez é votar ao Partido Popular e que dividir o voto de centro dereita só beneficia á esquerda, “por iso se pasa todo o día falando de Vox e de Ciudadanos”.
Por outra banda, subliñou que, mañá en Vigo, terá lugar unha “festa de benvida” aos 500 afiliados que se incorporaron nos últimos meses ao PPdeG. Neste senso, Tellado recalcou que, fronte á imaxe que se quere dar de fuga de membros do partido a outras formacións, a realidade é que “o saldo é positivo” e que todos os días do ano se achega xente ás sedes para darse de alta no PPdeG, “o partido que máis se parece a Galicia e que mellor os representa”.