Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Nazareth Cendán e Jesús Fernández mantiveron unha reunión de traballo con Javier Ruiz de Cortázar Díaz, presidente da Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) e presidente da Confederación Española de Asociacións de Clubs Náuticos (Ceacna), para abordar a crecente problemática derivada das interaccións entre candorcas e embarcacións na costa galega.
Durante o encontro, os parlamentarios populares trasladaron o firme compromiso do PPdeG co sector náutico ante unha situación que, nos últimos seis anos, incrementou de forma notable os episodios entre estes cetáceos e os barcos, convertendo o litoral galego nun dos espazos con maior frecuencia de casos, con especial incidencia nas provincias da Coruña e Pontevedra. “Estamos ante unha realidade que transcende os danos materiais e que afecta de xeito directo á seguridade das persoas e da navegación”, sinalaron.
Así, explicaron que a gravidade dalgúns destes episodios, que obrigaron a activar de urxencia os dispositivos de Salvamento Marítimo tras perder as embarcacións a súa capacidade de manobra, evidencia a necesidade urxente de reforzar as medidas de prevención, vixilancia, información e resposta. Por este motivo, e atendendo á chamada do sector, o Grupo Popular está a traballar na creación dun grupo de traballo específico e multidisciplinar centrado no estudo destas interaccións en Galicia.
Nesta liña, os populares avogan por contar cun espazo no que participen as administracións públicas, organismos implicados, científicos, expertos e representantes dos sectores afectados. Así, tal e como expuxeron durante a xuntanza, este foro permitirá analizar a situación actual, avaliar a eficacia das medidas que se están a aplicar e estudar novas alternativas, baseadas en criterios científicos e técnicos que permitan mellorar a seguridade marítima.
“O deber das administracións públicas debe ser garantir a seguridade das persoas no mar e reducir o risco de novos episodios, e isto debe abordarse de forma conxunta e coordinada, fuxindo de respostas illadas”, remarcaron os deputados populares, para concluír incidindo en que todas as propostas formularanse “desde o absoluto respecto á conservación das candorcas e ao réxime de protección legal que as protexe”.