Santiago, 4 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta de Galicia a impulsar a celebración de cimeiras entre Galicia e Portugal en asuntos sectoriais de interese para ambas partes e de carácter transfronteirizo.
O deputado popular Moisés Rodríguez sinalou que, “nesta época de incertezas, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal debe redobrar o seu compromiso co proxecto común europeo, pero sen limitarnos a asumir os ritmos de integración que marque a unión”. “Temos que ir sempre un paso máis alá, porque difuminar a fronteira entre Galicia e o norte de Portugal a través do traballo conxunto é a mellor forma que temos de seguir construíndo Europa”, apuntou.
PRESIDENCIA DA COMUNIDADE DE TRABALLO
Moisés Rodríguez lembrou que o Presidente da Xunta asumiu o pasado 15 de maio a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, establecendo tres grandes obxectivos: avanzar no artellamento da Eurorrexión a través da mellora das infraestruturas; potenciar a innovación e o crecemento económico; e a dinamización demográfica e o envellecemento activo.
“A Comunidade de Traballo deberá orientar as súas actividades de cara ao fomento e desenvolvemento de proxectos e propostas a prol da cooperación transfronteiriza, en materias que sexan de especial interese e relevancia tanto para Galicia como para a rexión Norte de Portugal”, manifestou.
Rodríguez avogou por “un diálogo continuo e fluído entre Galicia e Portugal, nomeadamente a súa rexión Norte, para sentar as bases dunha eurorrexión máis competitiva, máis innovadora e, sobre todo, máis unida”.