O PPdeG reivindicou hoxe o pulo da Xunta de Galicia ao tecido industrial e empresarial da provincia coa aprobación definitiva da ampliación do parque empresarial do Corgo como Proxecto de Interese Autonómico (PIA), unha medida estratéxica que permitirá licitar as obras o vindeiro ano.
Durante unha visita recente ás instalacións do polígono, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Sanz e Manuel Mato, puideron coñecer de primeira man os detalles do proxecto. Esta ambiciosa actuación contará cun investimento estimado de 11,6 M€ para incrementar a superficie desta área empresarial en máis de 200.000 m² –en concreto, 203.089 m²-, ata superar unha superficie total de 347.000 m². Os populares enxalzaron a celeridade do Goberno galego, que iniciará de inmediato o trámite de expropiación de terreos mentres traballa en paralelo no proxecto de urbanización para axilizar os prazos ao máximo.
Neste senso, explicaron que o proxecto inclúe a construción dun novo viario principal, que descorrerá paralelo ao actual, e a prolongación dos transversais existentes para dar servizo ás novas parcelas. A intervención tamén incorporará zonas verdes, unha parcela destinada a equipamentos públicos e a habilitación de 1.138 prazas de aparcamento, das que 319 serán de carácter público. Esta ampliación faise de xeito urxente dado que as 144.159 m² da superficie actual están xa vendidas na súa totalidade.
Para a deputada popular Cristina Sanz, este paso adiante é unha proba do “compromiso real da Xunta co dinamismo económico de Lugo”, ofrecendo espazos competitivos para que as empresas poidan medrar e crear emprego no territorio. Porque, segundo dixo, dotar de solo industrial de calidade aos concellos resulta fundamental para fixar tecido produtivo e garantir o desenvolvemento e o futuro da contorna rural.
Pola súa banda, o deputado Manuel Mato remarcou que “a verdadeira política industrial faise con feitos e investimentos directos nas infraestruturas”, poñendo en valor que o Goberno galego ten actualmente en marcha a promoción de 1,5 millóns de m² de novo solo empresarial na provincia de Lugo, cun investimento global que supera os 68 M€.