Santiago, 23 de abril de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana a posta en marcha da tarxeta social universal, unha ferramenta que “vai incrementar a capacidade de axudar a quen realmente o necesita e a eficiencia do conxunto de axudas que dan as administracións”, sinalou o portavoz popular Pedro Puy.
Logo da reunión dos deputados do Grupo Popular para preparar a sesión plenaria desta semana, Puy salientou a comparecencia dos conselleiros de Economía, Emprego e Industria, e do Medio Rural.
RENOVABLES E AFORRO ENERXÉTICO
En concreto, o conselleiro de Industria falará no Pleno das directrices enerxéticas de Galicia, “é dicir, do que a Xunta ten pensado facer para a promoción das renovables e para fomentar a cultura de aforro enerxético, tanto a nivel administrativo como a nivel de fogares e consumidores privados”, explicou Puy.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural abordará o futuro da Política Agraria Común (PAC), que o portavoz popular considerou “fundamental, sobre todo nestes momentos nos que Galicia aposta pola dinamización do sector rural e o rexuvenecemento do noso agro”.
O portavoz popular subliñou que a PAC supuxo para Galicia nos últimos dez anos 2.600 millóns de euros en axudas, “que foron utilizadas precisamente para o rexuvenecemento dos titulares dsa explotacións agrarias”. Deste xeito, considerou “importante que no futuro se manteña un apoio a nivel europeo para fomentar un sector rural que tamén se ten que adaptar ás novas demandas dos consumidores, que fundamentalmente van pola calidade e polos produtos naturais e producidos en explotacións respectuosas co medio ambiente”.
TARXETA SOCIAL E CONSERVA
Respecto das proposicións non de lei do Grupo Popular, Pedro Puy salientou a demanda para a posta en marcha da tarxeta social universal, dando cumprimento ao acordado na Conferencia de Presidentes. “A través desta tarxeta universal, as comunidade autónomas e os concellos poderán dispoñer de información máis precisa sobre as prestacións que reciben as persoas que demandas axudas sociais”, apuntou.
O Grupo Popular tamén solicitará o desenvolvemento do Plan estratéxico da conserva, co horizonte do ano 2020, así como iniciar a elaboración e redacción do Plan estratéxico do conxelado, que permita a expansión da produción e a obtención de maior valor engadido para os produtos galegos.
“Estamos a falar dun sector no que Galicia é unha potencia a nivel nacional, achegándose aos 1.300 millóns de produción, o que representa o 85 por cento da produción estatal, polo que hai que consolidar ese liderado da industria conserveira galega a nivel nacional”, indicou Pedro Puy.