Santiago, 25 de abril de 2018.- “Se están tan preocupados polas pensións, apoien os Orzamentos do Estado para subirlle así a 40.000 galegos as pensións non contributivas”, instou a viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, aos grupos da oposición, aos que criticou por presentar iniciativas que son “virtuais e un brinde ao sol”.
Tal e como informou, en España perciben unha pensión non contributiva 450.000 persoas, das que 40.000 son galegas, polo que “apoiar os Orzamentos Xerais do Estado é apoiar aos 40.000 galegos que perciben unha pensión non contributiva”. Nesta mesma liña, engadiu que “outro medio millón de galegos se verían tamén beneficiados pola suba das pensións”.
A viceportavoz popular tamén salientou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas perceptores de pensións non contributivas, que perciben un complemento anual de 206 euros. “Para facer fronte a este compromiso, o Goberno galego destina un total de 8,2 millóns de euros cada ano”, incidiu Rodríguez Arias.
Galicia paga de oficio o complemento a todos os perceptores de pensións non contributivas sen necesidade de presentar ningunha solicitude, polo que así se garante “chegar a todos os beneficiarios”, asegurou.