Santiago, 25 de abril de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno do Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que modifique as bases das convocatorias dos organismos autónomos adscritos ao Sistema Nacional de Saúde para garantir que se inclúan cláusulas de non discriminación polo exercicio dos dereitos laborais recoñecidos legalmente por razón de maternidade.
Así mesmo, a iniciativa demanda que o Goberno central revise os procedementos administrativos firmes onde se produciron discriminacións por maternidade para revogar de oficio as situacións xurídicas individualizadas nas que se teña vulnerado, como aconteceu no caso da investigadora galega María de la Fuente. Por último, ínstase a recoñecer, en procedementos administrativos ou xudiciais non firmes, a situación de discriminación producida e recoñecer as pretensións de tratamento.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou que “todos os grupos recibimos a María de la Fuente, escoitamos o seu caso e comprometémonos a poñer en marcha os mecanismos que foran precisos para que as mulleres non perdan competitividade nin oportunidades laborais por exercer o dereito de ser nais”.
Deste xeito, explicou que o Grupo Popular apoiou a iniciativa de En Marea “para seguir facendo camiño cara a igualdade real” e tendo presente que “as bases de convocatorias das bolsas Miguel Servet xa contemplan medidas para excluír no cómputo dos prazos as interrupcións derivadas dos permisos de maternidade ou paternidade, así como a atención a persoas con dependencia”.
Paula Prado considerou que esta solicitude desde o Parlamento á Administración para que revise un procedemento administrativo de oficio “é un asunto excepcional, porque recoñecemos que a lei llelo permite pero o pedimos como unha medida de discriminación positiva”.
“Mentres non teñamos un país libre de discriminacións, as mulleres non terán a plena liberdade para decidir se queren ou non ser nais, ou ter que planificalo, xa que esa decisión estará condicionada por outros factores alleos á súa vontade”, sinalou a viceportavoz popular.