Santiago, 5 de xuño de 2018. O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central a implantación da figura do enriquecemento inxusto ou ilícito no Código Penal, para avanzar na loita contra a corrupción.
O deputado popular Alberto Pazos criticou que En Marea aproveitara o debate dunha proposición non de lei, xa debatida o pasado mes de setembro e aprobada por unanimidade, “para agasallarnos coas súas descualificacións, insultos e falsidades sobre o Partido Popular”. Neste sentido, recoñeceu que “cometemos erros, apartamos aos corruptos, pedimos perdón e endurecemos as leis para loitar contra a corrupción”.
Na súa intervención, asegurou que “representamos ao partido político con maior número de afiliados en España, con miles de responsables políticos intachables e que sempre acadou a confianza maioritaria dos galegos sendo o partido máis votado”. “Estamos orgullosos da xente que nos apoia, de ser do PP e do Presidente Rajoy”, apuntou.