19, xuño, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, declarou esta mañá que os partidos políticos da oposición en Galicia están desgustados porque “albergaban o desexo de que Feijóo marchase como única posibilidade para gañar ao PPdeG”.
Segundo indicou, o presidente dos populares galegos é un líder recoñecido dentro e fóra do PP e dentro e fóra de Galicia polo que “a súa presenza activa na política galega dá moi poucas oportunidades a líderes mediocres como Ana Pontón, Luís Villares ou a ese señor que lidera o PSdeG e que os galegos nin saben o seu nome”.
Tras destacar a sorte que teñen de contar cun líder que, podendo protagonizar a política nacional, decidiu quedar á fronte da Xunta e cumprir co seu compromiso, recoñeceu que a oposición quedou sen argumentos e sen rumbo, resultando moi pouco crible ao criticar absolutamente todas as decisións do Partido Popular.
Tellado tamén apuntou que os populares galegos séntense aliviados pola difícil decisión que tomou Alberto Núñez Feijóo que, malia que moitas voces reclamaran a súa candidatura como a mellor opción para liderar o partido a nivel nacional, antepuxo o seu compromiso con Galicia. “É o noso líder, o noso referente e a peza fundamental para o noso proxecto”, subliñou.
CONGRESO NACIONAL PP
Sobre o próximo Congreso Nacional que o PP celebrará en xullo, Tellado admitiu que “cantos máis candidatos mellor” xa que se trata dunha grande oportunidade para “renovar, rexenerar e reconectar coa maioría social”, sendo tamén a primeira ocasión na que os afiliados elixen de maneira directa ao presidente do partido.
Para os populares, o conclave é o inicio do grande reto que teñen por diante: “construír un proxecto, ilusionar á xente e recuperar o Goberno de España no tempo récord de dous anos”, algo para o que, como sinalou o secretario xeral, van contribuír desde Galicia. “Hai motivación de sobra para facelo porque o Goberno de Sánchez pinta mal, sendo o Executivo máis débil dos últimos anos, condicionado por populistas, nacionalistas, secesionistas, e tamén por Bildu”.
Logo de lembrar a falta de presenza do PSdeG no novo Goberno, Tellado recoñeceu que esixirán a este Executivo o mesmo que ao de Mariano Rajoy, solicitando que se cumpran os compromisos que o anterior tiña coa nosa Comunidade. “Nós seguiremos traballando dende a Xunta e dende o Parlamento para defender os intereses de Galicia e que esta sexa escoitada en todos os foros”, sentenciou.