Santiago, 26 de xuño de 2018.- A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Teresa Egerique, criticou hoxe que o BNG pretenda “lavarlle a cara ao alcalde de Lalín coa súa proposta de que a Xunta asuma a xestión do conservatorio profesional de música”, un centro que “leva décadas funcionando cun nivel moi alto e quizais o problema actual está na incapacidade do actual Goberno local para levar a súa xestión”.
No debate dunha proposición non de lei do BNG, que só contou co apoio de En Marea e o PSOE se abstivo, Teresa Egerique incidiu que “a solución ao conservatorio de Lalín non está en pasarlle a pelota a quen non lle corresponde, como acontece noutros centros de titularidade municipal existentes en Galicia e noutras comunidades españolas”.
“Un concello ten toda a liberdade para ofrecer calquera servizo aos cidadáns, pero sempre asumindo a capacidade propia e os custes que pode ter o seu funcionamento, independentemente das axudas e subvencións que poda recibir doutras administracións en momentos determinados”, explicou.
No caso de Lalín, apuntou que “así leva sendo durante décadas cunha xestión municipal impecable, polo que entendemos que os grupos que sustentan ao actual Goberno local terán a mesma capacidade que outros gobernos municipais para manter o nivel que tivo este conservatorio”.