Santiago, 4 de xullo de 2018.- A deputada do Grupo Popular María Antón Vilasánchez subliñou hoxe no Parlamento que “os deputados pontevedreses de PSOE e En Marea marcaron o paso a seguir aos concelleiros socialistas de Santiago ao posicionarse favorablemente cara a ampliación da depuradora de Silvouta” nunha proposición non de lei debatida esta mañá na Comisión 2ª.
María Antón explicou que, no debate da iniciativa dos socialistas na que se demandaba a sinatura dun convenio de colaboración entre as tres administracións implicadas na nova EDAR de Santiago co fin da súa inmediata posta en marcha, “incorporouse unha emenda de En Marea concretando que estas obras se realicen no lugar de Silvouta”. “Resulta curioso que unha iniciativa que pretendía impulsar a execución da EDAR de Santiago, imprescindible para rematar coa contaminación do río Sar e coa que o Grupo Popular estaba totalmente de acordo, remate cun posicionamento do Grupo Socialista por unha localización determinada”, apuntou.
“Deste xeito, os socialistas no Parlamento galego, apoiados por En Marea, amosan a súa disposición a levar adiante a ampliación da depuradora de Silvouta, unha posición que ata o de agora agocharon os concelleiros socialistas en Santiago, que nunca amosaron as súas preferencias no Concello”, sinalou a deputada popular.
TOTAL COMPROMISO DA XUNTA
Na súa intervención, Antón subliñou “o total compromiso da Xunta co saneamento do río Sar, tanto no que atinxe á futura EDAR como no que afecta ás melloras da depuradora da Silvouta”. En concreto, lembrou que a Xunta investiu o pasado ano 2017 arredor de catro millóns de euros na mellora da Silvouta, ao tempo que ten consignada unha partida dos seus orzamentos para a futura EDAR de O Souto, á espera de que os responsables municipais se decidan.
A deputada popular lembroulle ao representante de En Marea que o estudo preliminar da Universidade de Santiago presentado polo Concello no mes de marzo, sobre a posibilidade de ampliar a depuradora da Silvouta e que anulaba o proxecto de O Souto “era tan vago que obrigou ao Goberno municipal a realizar un contrato menor por importe de 14.900 euros”. “A estas alturas descoñecemos o resultado deste informe de viabilidade técnico-económico encargado polo Concello, maila que se nos dixo, a finais do mes de maio, que en dúas semanas habería un avance deste traballo”, explicou.
María Antón lamentou que “as dúbidas dos responsables municipais respecto da nova EDAR de Santiago, xurdidas neste ano despois de estar máis de dous traballando coa Administración do Estado no proxecto do Souto, vaia ter a consecuencia irremediable de que o proxecto non se poda realizar no marco do actual FEDER, o que deixa a este proxecto nunha incógnita preocupante sobre o seu financiamento e coa incógnita dunha posible sanción de Europa por incumprimento da directiva de tratamento de augas que deberá asumir o concello”.
DÉFICIT DEMOCRÁTICO SOCIALISTA
“Nesta situación tamén teñen responsabilidade os representantes socialistas na corporación municipal polo seu déficit democrático ao ser incapaces de incorporar o cuarto concelleiro que lles concedeu as urnas e permitir que o Goberno local tome decisións que consideramos prexudiciais para a cidade”, manifestou a deputada popular.
Ademais, demandou ao novo Goberno central socialista que “manteña o seu compromiso coa EDAR do Souto e que actúe para poder iniciar o antes posible esta obra, garantindo o seu financiamento sexa cal sexa o escenario económico no marco dos fondos europeos”.