Santiago, 12 de xullo de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, anunciou hoxe a presentación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno central para que modifique a lexislación estatal a fin de que se garanta a corresponsabilidade parenteral e as relacións familiares con ambos proxenitores no cese da convivencia.
“Desde Galicia seguiremos traballando noutras iniciativas para poñer en marcha recursos que xa estaban recollidos na iniciativa lexislativa popular e que favorecerán a adopción de medidas de corresponsabilidade parental e de relacións familiares no cese da convivencia, que con seguridade farán que o número de custodias compartidas outorgadas en Galicia se vexa incrementado unha vez postos en marcha”, engadiu.
Paula Prado lembrou que o informe emitido pola Comisión Superior para o estudo e desenvolvemento do Dereito Civil galego sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular que se estaba a tramitar no Parlamento galego concluíu que esta materia non tiña a requirida conexividade con institucións previamente existentes no dereito civil galego que a Constitución esixe para posibilitar a súa regulación pola Cámara galega.
“Deste xeito, e en aras da responsabilidade, todos os grupos parlamentarios consideramos oportuno non seguir adiante cunha lexislación que con moita probabilidade fora recorrida polo Estado e provocar unhas consecuencias indesexables nas familias que puideran terse amparado nesta norma galega”, sinalou.
A viceportavoz popular sinalou que “o feito de que hoxe non apoiemos a continuidade deste texto lexislativo non implica que non esteamos de acordo en que é fundamental abordar este tema e regular canto antes esta casuística”, polo que o Grupo Popular xa ten rexistrado unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España que modifique a lexislación estatal en materia de corresponsabilidade parental para garantir que as relacións familiares con ambos proxenitores no cese da convivencia.
“Falamos de dereitos dos nenos e nenas a relacionarse con ambos proxenitores, pero tamén entendemos que a conciliación e a corresponsabilidade son aspectos cruciais para a igualdade, e por iso consideramos necesario favorecer a coparentalidade e que ambos proxenitores se ocupen do coidado e educación dos seus fillos e fillas, desbotando perpetuar o rol feminino de coidado”, sinalou.