Santiago, 11 de setembro de 2018.- O Grupo Popular solicitou esta tarde no Parlamento que o Ministerio de Sanidade rectifique a súa postura en torno á axilización do proceso de acreditación de prazas de novo ingreso a formación especializada en pediatría, de xeito que a Xunta poida incrementar os recursos coa contratación de máis pediatras e garantir a maior cobertura posible do servizo en Galicia.
O portavoz de Sanidade, Aurelio Núñez Centeno, lamentou que “a convocatoria MIR para 2019, na que non aparecen reflexadas ás seis prazas novas solicitadas pola Consellería de Sanidade, da a entender o desinterese do Ministerio de Sanidade cos problemas da pediatría en Galicia”. “É publico que desde o pasado mes de novembro a Consellería ten solicitada a concesión de seis novas prazas MIR de pediatría para os hospitais galegos, petición que vén de ser denegada polo Goberno central socialista alegando insuficiencia de prazos”, explicou.
ELEVADA RATIO DE PEDIATRAS EN GALICIA
Deste xeito, Núñez Centeno demandou aos socialistas galegos que “se poñan de parte dos galegos e insten ao señor Pedro Sánchez a rectificar, de xeito que esas seis prazas sexan unha realidade”. “A solución aos problemas de pediatría ten que ser o incremento de profesionais, formando todos os posibles, dentro da garantía de calidade do sistema MIR ou habilitando pediatras doutros países con todas as garantías”, apuntou.
Na súa intervención, Aurelio Núñez salientou a “elevada ratio de pediatras existente en Galicia, que cobren arredor do 88 por cento da poboación infantil, unha cifra sensiblemente superior á doutras comunidades nas que só chegan ao 50 por cento”.
Porén, explicou que “o verdadeiro problema da pediatría en Galicia é o déficit de profesionais necesarios para cubrir o amplo dispositivo do que se dotou a Comunidade Autónoma de Galicia”. “O elevado número de prazas existente dificulta a cobertura das posibles substitucións por vacacións ou baixas laborais, diante da escaseza de profesionais da pediatría que se da neste momento”, sinalou.
Aurelio Núñez tamén lembrou que “a reorganización da pediatría durante o verán foi unha solución urxente e temporal, consensuada cos colexios profesionais e as sociedades científicas”.