Santiago, 25 de setembro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “os milleiros de pacientes galegos que se beneficiaron do decreto de tempos máximos de atención sanitaria foron atendidos no servizo público de saúde”. Deste xeito, manifestou que “esta realidade desbota as afirmacións feitas pola oposición tanto no debata da lei de garantías sanitarias como en intervencións posteriores, desmontando as falacias que estamos acostumados a escoitar desde hai anos”.
Aurelio Núñez lembrou que “responsables da Consellería de Sanidade teñen proporcionado en reiteradas ocasións, tanto en actos públicos como no propio Parlamento, toda a información sobre o desenvolvemento do decreto de tempos máximos, e non tería ningún sentido facilitar datos puramente de xestión que non aportarían nada ao debate político”.
SEN DERIVACIÓNS Á PRIVADA
Con respecto á proposición de lei socialista debatida hoxe no Pleno, o portavoz popular sinalou que “non ten sentido porque non se están a producir derivacións de pacientes do sistema público a hospitais da rede privada”, dado que, logo de que varios milleiros de persoas se beneficiaran da garantía de servizos mínimos, só se rexistrou un caso de derivación dunha proba diagnóstica a un centro non público por un problema técnico puntual.
“Se o problema importante da sanidade pública galega que merece unha proposición de lei é esta modificación menor da lei de prestacións sanitarias, non parece ter moito sentido a apertura dunha comisión de investigación para deostar a sanidade galega”, indicou.
Respecto das listas de espera sanitaria, Núñez Centeno afirmou que o Sergas “garante os requisitos establecidos polo Consello Interterritorial do Servizo Nacional de Saúde, que establece as características e contidos de información xeral sobre os tempos de agarda dos pacientes”. “En Galicia, a lista de espera estrutural faise pública cada semestre, cumprindo a norma estatal, con moitos meses de adianto respecto a moitas outras comunidades”, asegurou. En concreto, referiuse á Comunidade de Andalucía, onde a última actualización das listas de espera fai referencia ao mes de xuño do pasado ano 2017.