Santiago, 26 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, coa abstención de PSOE e En Marea, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que as futuras obras que se realicen na AP-9 non repercutan nunha suba de peaxes, así como que se manteñan todos os compromisos xa acadados con anterioridade entre a Xunta e o anterior Goberno do Estado no marco da Comisión Mixta de seguimento da xestión da autoestrada.
Así mesmo, o Pleno aprobou, nesta ocasión co voto favorable de todos os grupos parlamentarios, que o Goberno central realice unha auditoría global sobre as deficiencias do servizo que presta a concesionaria da AP-9; abra expedientes informativos e sancionadores á concesionaria polas reiteradas retencións e atascos que se producen; aplique formas de compensación pola non axeitada prestación do servizo nas xornadas en que se produciron retencións; e que no prazo de tres meses elabore un estudo da viabilidade do rescate da AP-9 para o público, contemplando o seu custe económico, o seu impacto tarifario para o público e as alternativas para o seu financiamento.
Ademais, e logo de que o Goberno de España levantase as súas reservas, a proposición non de lei demanda ao Goberno central que realice as xestións oportunas co obxecto de acadar no menor prazo posible a transferencia á Comunidade Autónoma da AP-9, de acordo coa lei aprobada por unanimidade na Cámara galega, ao tempo que faga as actuacións necesarias tendentes á minoración das súas peaxes para a cidadanía, incluíndo neste sentido aquelas propostas de modificación das cláusulas actualmente en vigor coa concesionaria.
NOVA VIRAXE
O deputado popular Alberto Pazos criticou “a nova viraxe realizada por PSOE e En Marea respecto da AP-9, unha máis desde o cambio do Goberno do Estado, ao absterse neste momento de solicitar que as futuras obras nesta autoestrada repercutan nunha suba das peaxes, cumprindo o compromiso adquirido polo anterior Ministerio de Fomento coa Xunta de pagar estas actuacións con cargo aos orzamentos xerais do Estado”.
“Queda claro que tanto PSOE como En Marea están máis preocupados por evitarlle problemas ao goberno que os socialistas manexan desde a Moncloa e Podemos desde o Congreso, que de defender os intereses dos galegos e dos usuarios da AP-9, sementando dúbidas un día tras outro sobre o cumprimento dos compromisos asumidos polo anterior Goberno do PP”, manifestou.
Alberto Pazos incidiu que “no PPdeG seguimos demandando ao actual Goberno central o mesmo que facíamos co anterior: que non repercutan sobre as peaxes as obras futuras ou en execución na AP-9, a eliminación da peaxe de Redondela e que se leven a cabo as obras de compensación comprometidas en Chapela, Rande e Teis”.