05, novembro, 2018. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, dixo que a política é como “unha carreira de fondo”, que non se trata de chegar canto antes e de calquera forma, senón con constancia e esforzo: “Están os que gañan as eleccións e son coherentes; e están os que o seu único obxectivo é chegar canto antes e de calquera maneira á meta”. De estes últimos apuntou que, unha vez chegan ao cargo, todo é falta de planificación: “Confunden o que debera ser o inicio coa meta. Ao comezo da lexislatura, din chegamos e, ao final, os veciños pregúntanse para que”.
Neste senso, indicou que o exemplo máis paradigmático é o que está a acontecer no Executivo de España, onde hai máis dependencia das ocorrencias dos seus socios de goberno que das demandas e necesidades dos cidadáns; atrévese a dar leccións de democracia, sen ser o máis votado; e presume de ser exemplar, cando só consegue ser exemplo por non cumprir o que promete.
DÚAS FORMAS DE CHEGAR AO GOBERNO
Por iso, salientou as dúas formas de chegar ao goberno: tras gañar as eleccións e superar a sesión de investidura ou tras perder as eleccións, xuntarse entre os perdedores para desbancar aos gañadores e conseguir así superar a sesión de investidura. Para Feijóo, a diferenza está en que, mentres uns se deben aos socios, “outros somos libres para só debernos aos nosos veciños”. De aí que, chegado o momento de presentar os orzamentos, o PPdeG no trámite para aprobar as contas en tempo e forma e outros sáltanse todas as formas para levar a cabo as súas tretas.
Para o líder dos populares galegos, as contas do Goberno de Pedro Sánchez para o vindeiro ano “son un plaxio das peores experiencias xa vividas: máis déficit, máis débeda e máis impostos”. Neste punto, subliñou que o difícil é o que fai Galicia: reducir o gasto en débeda, para gastar máis en mellorar a vida dos galegos; incluír novas rebaixas de impostos; combinar o reforzo do gasto social con máis aposta investidora; e manter como prioridade a creación do emprego de calidade. “Uns gobernamos para servir aos cidadáns, porque só nos debemos a eles e non precisamos o permiso de ningún socio que nos manteña no cargo; e outros gobernan, precisamente, para aguantar nese cargo”, dixo e puxo como exemplo a impasibilidade de Pedro Sánchez ante como o líder de Podemos negocia os orzamentos do Estado no seu nome.
UN CAMBIO HISTÓRICO E NECESARIO
Coa presentación de Germán Castrillón como candidato á Alcaldía de Narón, o presidente dos populares galegos indicou que se poñen “os cimentos dun cambio, tan histórico como necesario”. Neste senso, agradeceulle “o paso adiante” e destacou a confianza que o PPdeG ten depositada nel: “Estás aquí porque demostraches ser un bo alcalde e iso é o que precisa Narón”. “Mentres noutros partidos –engadiu-, simplemente se dedican a cumprir o trámite e poñer ao de turno nas candidaturas; nós, en Ferrol, presentamos a un bo conselleiro, José Manuel Rey, e, en Narón, a un bo alcalde”.
Feijóo destacou, tamén, que Germán Castrillón non escolle nin a opción cómoda nin a sinxela, senón a opción que lle convocaba o seu servizo público. O líder dos populares galegos apuntou que a resposta que dá así o PPdeG ás esixencias dos veciños de Narón é “o mellor candidato” e que tamén será a do mellor goberno.
OS COMPROMISOS DO PPDEG
Durante a súa intervención, Feijóo indicou ademais cales son os catro compromisos do PPdeG en todos os municipios de Galicia de cara as vindeiras eleccións municipais: traballo, para facer un concello mellor; humildade, porque os alcaldes e concelleiros non son xefes de ningún veciños, senón servidores de todos eles; un bo equipo, con vocación de servizo público e que representen a pluralidade do concello; e ilusión, porque para gañar o primeiro e máis importante é querer gañar. Nesta mesma liña, destacou que para que un proxecto municipal teña éxito ten que cimentarse nunha enorme capacidade de escoita.
Salientou, tamén, que Galicia é moito máis estrita co Partido Popular que con ningún outro partido: “Pídennos moitos máis porque saben que somos quen de dalo; teñen moitas máis expectativas postas en nós, porque saben que podemos ser mellores; e depositan máis confianza porque en moitas ocasións fomos merecedores dela”. Así, Feijóo recordou que nas pasadas eleccións autonómicas ningún pobo de España depositou en ningún partido tanta confianza como os galegos nesta formación política.