Santiago, 20 de novembro de 2018.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, lembrou hoxe no Parlamento “a importancia de que os consellos escolares dos centros educativos aproben normas sobre vestimenta nas aulas, co fin de regular que o seu uso polo alumnado non atente contra a súa dignidade, non supoña unha discriminación por razón de sexo ou un risco para a súa saúde e integridade persoal, ao tempo que non impida ou dificulte a normal participación do alumnado nas actividades docentes”.
César Fernández apuntou tamén a necesidade de que “o Goberno central afronte unha regulación en materia de vestimenta nos centros educativos para garantir a non discriminación por razón de sexo, tal e como acordou a Comisión de Igualdade do Congreso en setembro de 2017”.
PARTICIPAR NA TOMA DE DECISIÓNS
Na súa intervención, o portavoz popular puxo de manifesto a importancia de que “a comunidade educativa participe na toma de decisións respecto das normas do centro de ensino” e, neste sentido, lembrou a existencia de normativa galega, como a Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa ou a Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes.
Fernández Gil considerou “positivo que adoptemos acordos para avanzar na igualdade no ámbito educativo” e sinalou que “flaco favor facemos á comunidade educativa se estamos permanentemente cuestionando as medidas que toman os profesionais”.