Santiago, 23 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta que estude medidas para colaborar cos concellos na recollida e transporte dos plásticos usados de orixe agrícola.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2005 o programa de recollida de plástico agrícola, co obxectivo de implantar un sistema de recollida e xestión adecuado para estes tipos de residuos agrarios, que anualmente suman arredor de 5.200 toneladas.
ACERTADAS E SUFICIENTES POLÍTICAS
“Tras máis de dez anos de andadura deste programa, os obxectivos pódense considerar cumpridos, como pon de manifesto o feito de que no desenvolvemento do programa de rexeneración de espazos afectados por puntos de vertido incontrolados de residuos xa resulte actualmente infrecuente atopar vertidos incontrolados de residuos plásticos de orixe agrogandeira”, sinalou.
Deste xeito, Gómez Salgado cualificou de “acertadas e suficientes as políticas levadas a cabo polo Goberno galego, constituíndo un exemplo palpable da política da Xunta de apoio ao medio rural e de fomento da economía circular”.
“Agora, cómpre seguir incidindo na mellora da xestión dos residuos agrarios e explorar outras vías de colaboración cos concellos que permitan continuar coa axeitada xestión deste tipo de residuos plásticos”, manifestou.