4, decembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou esta mañá os datos de desemprego do mes de novembro nos que, na evolución anual, o paro baixa máis que no Estado e aumenta a contratación indefinida e a tempo completo. Tal e como expresou, a maior baixada de paro en Galicia con respecto ao conxunto do Estado responde á estabilidade de ter uns Orzamentos aprobados fronte á parálise nos investimentos que sofre o país por falta dun Presuposto.
Lonxe de amosarse conformista, indicou que o Goberno galego seguirá pola mesma senda e buscará nos Orzamentos de 2019 dotar á Comunidade de máis e mellores postos de traballo.
Nese senso, engadiu que en Galicia reforzouse en 2019 as súas Contas para o emprego e a formación nun 7% -255,5 millóns de euros- para continuar favorecendo a estabilidade laboral, axustando así a formación ás necesidades do emprego que vén. Ademais, apuntou que esta semana aprobarase a nova Estratexia galega da economía social para dar un pulo ao emprego de calidade neste sector con 73 millóns de euros.
“Galicia conta cunha estabilidade que tamén é preciso que se traslade ao Estado para que a nosa economía siga crecendo. As cifras reflicten que soubemos adaptarnos aos retos da recuperación económica e seguimos traballando para impulsar un crecemento económico sustentable, que nos permita resistir ante unha posible desaceleración global”, manifestou.
De igual xeito, Tellado subliñou que na nosa Comunidade “temos unha folla de ruta económica clara e identificable, mentres no Goberno central só atopamos bandazos, rectificacións e ameazas ao noso sector industrial, o que repercutirá gravemente no emprego”.
“A política económica da Xunta xera confianza no tecido produtivo galego e postos de traballo, e esta, á súa vez, xera confianza no conxunto da sociedade” aseverou mentres explicaba que os gobernos que non son capaces de suscitar esas certezas son os que sofren reveses electorais. “As políticas económicas e laborais desacertadas provocan unha desafección no electorado que tamén se materializa no resultado das urnas”, insistiu.
A SEGUNDA COMUNIDADE NA QUE MÁIS BAIXA O PARO
Máis polo miúdo, o número dous dos populares galegos destacou que Galicia é a segunda comunidade na que máis baixou o paro con respecto a novembro de 2017, cun ritmo de caída maior que en España con máis de dous puntos e medio de diferenza.
Así mesmo, o desemprego é inferior ao dato de 2008, o ano de inicio da crise. Deste modo, Galicia conta con 16.806 parados menos, o que supón unha baixada do 8,98%, superando en case un punto o descenso acadado en novembro de 2017 e rexistrando cinco anos de baixadas consecutivas.
No tocante ás afiliacións, a Comunidade continúa superando o millón desde o pasado mes de xuño e as cotizacións á Seguridade Social aumentan nun 2,09%, a maior subida desde 2007.
Como remarcou Tellado, “non só estamos falando de máis emprego senón de máis calidade e estabilidade laboral”, destacando a subida da contratación en xeral nun 5,5% -sobe máis que no conxunto do Estado-. De feito, a contratación indefinida medra un 20,94% -tamén amosa un maior aumento que en España- quintuplicando o aumento da temporal, e a de a templo completo crece un 5,04%, superando en dous puntos o incremento da parcial.
Por último, o secretario xeral do PPdeG tamén salientou que, na evolución anual, o desemprego baixa entre os colectivos prioritarios como os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as mulleres; ademais de nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade.