Madrid, 18 de xaneiro de 2018.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, participa xunto con deputados da Comisión 6ª na viaxe organizada polo Parlamento galego á Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra esta semana en Madrid.
Tellado valorou que a aposta que a Xunta de Galicia está a presentar estes días en Fitur “é un bo exemplo de turismo de calidade e sustentable, que sabe aproveitar os mellores recursos que identifican á nosa terra”. Neste mesmo sentido, subliñou que as novas propostas impulsadas polo Goberno galego “supoñen unha importante achega á nosa oferta turística, vinculada a elementos propios de Galicia, como os bosques, o mar coas súas praias e faros, o Camiño de Santiago, o termalismo ou a enogastronomía”. Na súa opinión, “esta combinación, que se engade ás propostas xa consolidadas, amosa a enorme sensibilidade da Xunta co turismo”.
MODELO RESPONSABLE
“Non é de estrañar que o modelo turístico de Galicia estea a obter tan bos resultados. É un modelo responsable, que ofrece calidade aos seus visitantes. E os visitantes sábeno”, indicou. Así mesmo, explicou que por esa razón Galicia recibe cada ano máis turistas, “o que repercute na sociedade galega non só desde o punto de vista económico, senón tamén social e cultural”.
Segundo o viceportavoz, Galicia traballa por un turismo que beneficia aos seus veciños e que sabe tratar aos seus visitantes. “Somos un destino acolledor por natureza. En lugar de turismofobia, os galegos temos turismofilia”, destacou, para lembrar a tradicional hospitalidade galega.
ESTRATEXIA DE TURISMO
Ademais, quixo poñer en valor o feito de que hai case un ano que a Xunta de Galicia aprobou a súa Estratexia de turismo de Galicia 2020, deseñada en diálogo co sector. Unha folla de ruta que, entende, está a dar os seus froitos e “fará que cheguemos mellor preparados que nunca á celebración do próximo Xacobeo 2021, o que queremos que sexa o mellor Ano Santo da Historia”.
Durante esta semana, os deputados populares celebrarán reunións, entre outros, con representantes de organizadores de congresos profesionais, do Clúster Español de Turismo de saúde, do Clúster de Turismo de Galicia ou do Consorcio da Ribeira Sacra.