Santiago, 19 de xaneiro de 2018.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que o seu partido prepárase neste 2018 “para gañar aos rivais, ás modas e ás enquisas”, subliñando que no horizonte dos populares están as eleccións municipais de 2019, “e toda a nosa organización está hoxe centrada única e exclusivamente neste grande desafío que temos por diante”.
Tras reunirse previamente co Comité de Cidades, o número dous dos populares galegos anunciou que mañá celebrarán unha Xunta Directiva autonómica, un evento no que tamén estarán presentes moitos alcaldes e portavoces municipais de toda Galicia. “Este fin de semana damos o pistoletazo de saída a un ano no que nos imos activar a pleno rendemento, imos cargarnos de ilusión e imos ser capaz de transmitirlle esa mesma ilusión aos veciños de cada recuncho da nosa terra”, salientou.
Durante a súa intervención en rolda de prensa, Tellado tamén lembrou que esta semana cumpríronse anos desde que Alberto Núñez Feijóo se colocase á fronte dos populares galegos, ao que engadiu que “non hai mellor momento para reivindicar o noso inconformismo, a nosa autoestima e o noso proxecto”.
Segundo sinalou, os populares son inconformistas porque, cando as cousas van mal, fan autocrítica e traballan para mellorar; cando as cousas van ben, pensan que poden ir mellor; e porque son un partido que sabe que hai que construír desde a vitoria.
Por estes motivos, o secretario xeral do PPdeG indicou que se teñen que cargar da autoestima de ser o partido que máis se parece a Galicia, o máis votado en dous terzos dos concellos galegos, que goberna en 165 municipios da Comunidade, máis da metade deles; e que ten máis de 1.750 concelleiros ao longo e ancho da nosa terra.
Igualmente, tamén fixo referencia á autoestima de ter sido a forza política que sacou a Galicia e a España da crise económica, a que nos colocou na senda da recuperación e a creación de emprego, a que fixo que volvésemos a ser cribles ante as institucións europeas, e a que atopou uns servizos públicos quebrados e os mantivo a flote con moito esforzo.
Por último, Tellado destacou o proxecto dos populares galegos. Como manifestou, este consiste en gobernar pensando no crecemento económico e a creación de oportunidades para todos; en non ter medo ao desgaste que supón xestionar nos peores momentos, “porque sabemos que o servizo público non é sempre sinxelo”; en non pensar no poder polo poder, “senón pensar en mellorar as institucións e poñelas ao servizo dos noso veciños”; e nunha administración que non crea problemas, senón que os soluciona. “E cremos que a solución hoxe non é menos Partido Popular, senón máis Partido Popular. E aquí estamos para reivindicalo”, sentenciou.