Santiago, 19 de xaneiro de 2018.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou esta mañá no Parlamento que a Xunta incrementará nun 54 por cento as axudas para parques e espazos Natura 2000 nos anos 2018 e 2019, ata achegarse aos catro millóns de euros.
Gonzalo Trenor defendeu que a Xunta continúe implementando axudas destinadas aos territorios integrados na Rede Natura 2000 e nos parques naturais, como instrumentos adecuados que propician o desenvolvemento de actividades que poñen en valor espazos protexidos e contribúen ao desenvolvemento económico destas zonas e dos seus habitantes.
INCENTIVOS ECONÓMICOS
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que “os propietarios de terreos incluídos nos espazos naturais protexidos de Galicia contan con incentivos económicos específicos e periódicos dirixidos prioritariamente ao desenvolvemento de actuacións de mellora das condicións da poboación residente”.
En concreto, Trenor dixo que en 2016 convocáronse dúas ordes de axudas para investimentos non produtivos en espazos Natura 2000 e en parques naturais, cun orzamento global que supera os 2,5 millóns de euros. A estas ordes sumáronse o pasado 15 de xaneiro outras dúas novas ordes de axudas para os anos 2018 e 2019 cunha dotación orzamentaria próxima aos 4 millóns de euros.