Santiago, 22 de xaneiro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou de “balance francamente positivo” o avance de peche do exercicio de 2017 realizado pola Xunta de Galicia e sobre o que mañá comparecerá o conselleiro de Facenda no Pleno.
Pedro Puy lembrou que na sesión plenaria tamén comparecerá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para informar sobre a política da Xunta en materia de paisaxe e territorio.
RESULTADO SATISFACTORIO
Respecto do peche do exercicio de 2017, Puy manifestou que “da un resultado de xestión satisfactorio, porque non só se cumpriu o obxectivo de déficit senón que por primeira vez desde hai dez anos se reduce o peso da débeda pública autonómica en relación co PIB”.
Así mesmo, o portavoz popular subliñou que “se está a cumprir a regra de gasto; se pode dar por pechado o proceso de consolidación fiscal; estamos a rexistrar cifras de crecemento económico importantes; e se está pagando aos provedores en prazos curtos, o que contribúe a dinamizar a economía”.
“En definitiva, o balance do peche do exercicio é francamente positivo, sobre todo si o poñemos en comparación co que está a ocorrer noutras comunidades autónomas”, apuntou.
O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei. A primeira, demandando a construción dun novo centro de saúde no barrio de Falperra en A Coruña, nun espazo adecuado cedido polo Concello no actual edificio do Mercado de Santa Lucía. Esta proposición non de lei recolle unha solicitude feita polos propios veciños, que rexistraron no Parlamento unha demanda respaldada por máis de 3.200 sinaturas recollidas neste barrio coruñés
A segunda proposición non de lei ten como obxectivo que a Xunta siga desenvolvendo accións de posta en común con outras rexións e flotas pesqueira sobre as experiencias e coñecementos obtidos en torno á problemática dos descartes, para a transmisión destas demandas á Comisión Europea de cara á adaptación desta normativa para eliminar a normativa relacionada cos descartes, tan prexudiciais para a flota galega.
ELOXIO DE CIUDANOS A FEIJÓO
Cuestionado sobre as declaracións da portavoz de Ciudadanos en Galicia nas que afirma que o Presidente da Xunta é «moi bo candidato”, afín incluso aos postulados que defende a súa propia organización política, Pedro Puy agradeceu “que se sume aos eloxios ao Presidente Feijóo, que coinciden cos da gran maioría dos galegos e galegas”.
“Alegra que esa persoa recoñeza os acertos do PPdeG na elección dos seus candidatos e líderes en Galicia, así como das políticas que realiza”, indicou.