Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a consensuar coa Fegamp o alcance do Plan Básico Autonómico e aprobalo coa maior celeridade posible de xeito que permita aos concellos que aínda non teñen planeamento urbanístico aprobado redactar o seu plan básico municipal.
O portavoz de Ordenación do Territorio, Martín Fernández Prado, lembrou que o Plan Básico Autonómico foi aprobado inicialmente polo Consello da Xunta o pasado 14 de decembro e neste momento atópase en período de información pública ata o vindeiro 23 de febreiro.
“Co Plan Básico Autonómico, a Xunta da un paso máis na súa aposta pola ordenación e protección do noso territorio”, afirmou Martín Fernández, que o considerou “unha ferramenta fundamental coa que se van identificar a totalidade dos 33.000 asentamentos de poboación que hai en Galicia”.
A Xunta organizou o pasado 26 de xaneiro un encontro técnico co fin de facilitar achegas, suxerencias e cantas consideracións se estimen oportunas, “trasladándose a necesaria implicación de todos na elaboración do documento definitivo, así como a necesidade de emisión dos informes solicitados á maior brevidade”.
REALIZAR AS CORRECCIÓNS NECESARIAS
“Agora é o momento de precisar todo o que haxa que precisar de xeito que a Xunta poida facer todas as correccións necesarias co obxectivo de perfeccionar o máximo posible o documento”, sinalou o portavoz popular.
Fernández Prado avogou porque o Plan Básico Autonómico sexa unha ferramenta “duradeira, que vén substituír ás normas provinciais de hai 27 anos”. En concreto, beneficiará a 49 concellos que se rexen por esas normas provinciais de 1991, pero tamén aos 170 que o fan por normas subsidiarias municipais ou plans xerais que non están adaptados á normativa urbanística actual.