Pontevedra, 15 de febreiro 2018.- O presidente de Novas Xeracións de Galicia, Adrián Pardo, denunciou hoxe nunha rolda de prensa en Pontevedra que o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, xa “non é capaz de diferenciar a Casa do Concello da sede do BNG”.
Ao fío das subvencións públicas que o Concello de Pontevedra destina ás publicacións de Galiza Nova, a formación xuvenil do nacionalismo galego, Pardo apuntou que estas son accións propias dun “alcalde deshonesto e pouco transparente». Así, engadiu que “Lores pretende empregar os cartos de todos os pontevedreses para converterse no mecenas do nacionalismo galego, o George Soros nacionalista do Lérez”, dixo Pardo.
Para o líder das mocidades do PPdeG as subvencións a Galiza Nova non son un caso illado xa que se unen ao feito recentemente coñecido de que “Lores tamén lle paga os aperitivos aos seus amigos da CIG” polo que “cómpre lembrarlle a este señor dúas cousas: que os cartos públicos non son para iso e que é o alcalde de todos os pontevedreses, mesmo o daqueles que non votan ao BNG”.
O vicesecretario local de NNXX de Pontevedra, Guillermo Juncal, apuntou ademais que estamos ante “unha nova mostra do caciquismo político do noso alcalde, un alcalde que prefire financiar aos seus ‘amiguetes’ antes que atender ás necesidades básicas da cidade».
Por todo isto, tanto Pardo como o vicesecretario local de NNXX Pontevedra, Guillermo Juncal, esixiron a Miguel Anxo Fernández Lores que “dea as explicacións oportunas, que rectifique ou que se vaia”.