A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo como exemplo os «gobernos de estabilidade» do PP, como en Poio, con Ángel Moldes á fronte, mestres o Executivo de Sánchez e os seus socios «dividen, polarizan e promoven a política do medo». Neste sentido, animou á veciñanza de Poio a demostrar o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo nas urnas o próximo 29 de novembro, como único «garante» para desaloxar ao PSOE e aos seus cómplices de Goberno, como o BNG.
«Galicia non son os violentos aupados pola esquerda.Galicia é tranquilidade, boa política, saber xestionar. O mesmo que queremos para o resto de españois», defendeu Prado, instando a votar por Feijóo para o «cambio necesario» en España.
Para a número dous dos populares galegos, o sanchismo apura os seus últimos días de campaña electoral coa arma «máis antidemocrática»: a violencia e os insultos. Así, condenou todo tipo de agresións, veñan de quen veñan, «algo que outros partidos non son capaces de facer» como se viu nestas semanas.
Para o cambio necesario, Prado insistiu no «voto útil ao PP» en provincias como Pontevedra, como única garantía para desaloxar a Sánchez da Moncloa. Así, instou aos pontevedreses e pontevedresas a apoiar o proxecto do PP nas urnas, votando no Congreso a candidatura encabezada por Julio García Comesaña, e no Senado marcando aos tres candidatos populares: Nidia Arévalo, José Crespo e Mónica Domínguez.
«Non dividamos o voto. No PP somos a única forza capaz de lograr o cambio no Goberno, necesario despois de oito anos de corrupción e indecencia», sinalou, apelando á «forza» do PP para acadar o cuarto escano en Pontevedra e axudar a Feijóo, sendo «motor de cambio» dende Galicia.
LUIS LÓPEZ APELA AO VOTO ÚTIL CONTRA AS TRAIZÓNS DE SÁNCHEZ
Pola súa banda, Luis López criticou que o presidente do Goberno “traizoara” todas as súas promesas e aos cidadáns incurrindo o seu executivo en numerosos casos de corrupción, machismo, chapuzas, chulería institucional e mentiras e lamentando que nin aprobara os orzamentos, nin protexera ás mulleres, nin construira vivendas, “nin traspasara a AP-9, imprescindible para Poio, nas condicións aprobadas polo Parlamento de Galicia”.
O presidente provincial do PP asegurou que entre Feijóo e Sánchez “non hai debate” e contrapuxo o aturdimento do socialista co plan que ten o líder do PP “para facer que España funcione de novo” e a súa “demostrada capacidade de xestión que coñecemos en Galicia”.
Finalmente, López chamou a todos os veciños de Poio a “non confiarse” e traballar para encher as urnas de votos a prol do cambio necesario que só representa o PP. “Hai que votar con intelixencia para rematar con este ciclo negro e para abrir un tempo de esperanza con Feijóo e iso pasa exclusivamente pola papeleta do PP. As demais non serven. Todos os votos da nosa provincia que non sexa para o Partido Popular permitirán a continuidade de Pedro Sánchez no Goberno e para que siga a política de corrupción e bailes”, aseverou, antes de desexar “un Nadal á galega, con sentidiño, xuntos en familia e cun galego na Moncloa”.